Curso de Interpretación a cámara

Curso de Interpretación a cámara

Como espectadores todos temos comentado nalgunha ocasión, a propósito do traballo dun determinado actor ou actriz, «Non me gusta. É moi esaxerado». Se somos nós o actor ou actriz, ou estamos en proceso de selo, raro sería non térmonos dito nunca «Non teño graza. Eu non vallo para a comedia» ou «Falta emoción, estou moi plano/a».
Témolo claro, cando algo non nos gusta revélasenos como unha evidencia. Pero se nos preguntamos acerca dos motivos concretos desa evidencia… Ah! Aí xa non temos respostas tan contundentes.

A interpretación é un oficio e unha arte complexa. Require moitos anos de aprendizaxe e práctica. Pero afortunadamente (ou desafortunadamente segundo para quen) soamente é iso, práctica. Non encerra ningún misterio indescifrábel máis aló de pequenos milagres ou revelacións que ocorren en contadas ocasións (e normalmente tendo traballado moito antes), pero que non paga a pena tentar sintetizar para constituílos como técnica ou dogma porque sinxelamente son xenialidades. O común dos mortais debemos conformarnos con encontrar os verdadeiros motivos polos que facemos ou deixamos de facer unha cousa ou outra e adestrar o corpo cunha técnica específica que nos permita dirixilos cara onde nos interese en cada momento.

Se ti es un deses mortais aos que lle interesa detectar de onde veñen esas manías ou hábitos e queres comezar a adestrar o teu corpo no desenvolvemento de ferramentas específicas que che permitan establecer unha comunicación efectiva coa cámara que te estará gravando, este é o teu curso.

Contido:

A través das ferramentas básicas de interpretación ante a cámara imos explorar as diferenzas entre comedia e drama. Por que resultamos esaxerados? Por que non transmitimos determinada mensaxe ao espectador? Por que non podemos deixar de facer ese xesto ou de reaccionar sempre da mesma maneira? Ou por que cando quero facer algo concreto vese como algo robotizado e antinatural? Tamén responderemos a todas estas preguntas e encontraremos unha metodoloxía que vos permita, con tempo e esforzo, mellorar no complicado pero marabilloso mundo da interpretación.

As ferramentas que traballaremos serán as seguintes:

– Sinal de cámara
– Lateralidade
– Liña de pensamento
– Punto de vista
– Derivación

Metodoloxía:

Traballaremos con escenas e secuencias cómicas que alternaremos con exercicios concretos para a utilización das ferramentas e para a súa comparación nos dous xéneros. Cada participante traballará unha escena de dous personaxes. Dita escena será preparada para a súa gravación posterior en función aos contidos e ferramentas formuladas durante o curso. Trala gravación, os participantes poderán ver as escenas para completar o proceso de aprendizaxe.

Número de horas do curso: 12h.
Datas: 2, 3 e 4 de setembro de 2016.
Horario: de 17 a 21h.
Máximo de prazas: 12.
Prezo: 80€

*Posibilidade de prazas para oíntes. Prezo 30€.

Lugar do curso: Sala Gurugú (Agra do Orzán, 3 A Coruña).

Reserva de prazas iriazaresx@gmail.com ou 618 470 512.

E se queredes estar ó tanto de novos cursos ou doutras novas, suscribídevos ó blogue: follow us in feedly

Uso de cookies

El nuevo RGPD me obliga a molestarte con lo de las cookies. Más info.

ACEPTAR
Aviso de cookies

Redes

¿Hablamos?